Título: Todos somos Ulises. Por unha educación democrática e humanista
Autor: Xavier Seoane
Lugar ed.: Vigo
Editorial: Xerais
Ano ed.: 2016
Páxs.: 472
Na liña dos
seus libros anteriores, “Atravesar o espello”, “O Sol de
Homero” e “Saudar a vida”, esta nova proposta, “Todos somos
Ulises (Por unha educación democrática e humanista)”, constitúe
o elo máis amplo dun ambicioso ciclo ensaístico que reflexiona
sobre a transcendencia da escola e da educación, do coñecemento e
da cultura nun momento histórico de difíciles retos para as
persoas, os colectivos e as sociedades.“Todos somos Ulises”
analiza criticamente a hexemonía da razón economicista e
produtivista nas nosas vidas, o impacto tantas veces desilustrador e
alienante da publicidade, do consumo e dos media, a dimensión plural
da intelixencia, a transcendencia da linguaxe e da lectura, as
destrezas necesarias na Sociedade do Coñecemento, a necesidade dun
entendemento fluído entre a escola e as familias, o uso crítico e
creativo das ferramentas tecnolóxicas, a pertinencia dunha educación
pública equitativa, as demandas da diversidade, a educación en
valores, a vocación, o esforzo, a convivencia, a disciplina...
aspectos relacionados cos incisivos problemas da escola actual e as
preocupacións do profesorado, o alumnado e das nais e pais. Xa que
logo, Xavier Seoane propugna a necesidade dunha sólida formación
científica, humanística e social, apostando pola adquisición de
elevados niveis de realización estética e sensible, espiritual e
moral.Nesa viaxe cara a Ítaca do coñecemento e da autocreación
individual e social, que a todas as persoas se lles debe facilitar e
á que todas deberían contribuír coa súa actitude vixiante e
decidida, todos deberiamos ser Ulises, para poder alcanzar as máis
elevadas cotas de emancipación, eudaimonía e felicidade. As persoas
deberiamos, segundo o autor, pronunciar un si afirmativo á fecunda
viaxe dunha educación crítica e democrática, humanista e
liberadora á altura dos complexos retos contemporáneos. (información editorial)
Etiquetas: Educación, ensaio, Xavier Seoane