28.3.17

Cartas no exilio. Correspondencia entre Santiago Casares Quiroga e María Casares (1946-1949)




                             
Título:       Cartas no exilio. Correspondencia entre Santiago Casares Quiroga e María Casares (1946-1949)
Autora:     María Lopo
Lugar ed.: A Coruña
Editorial:   Baía Edicións
Data  ed.: 2008
Páx.:        168



"A correspondencia de Santiago e María Casares achéganos dúas personalidades fundamentais e altamente descoñecidas da Galicia do século XX. Son cartas dunha fonda humanidade que nos presentan o imposible espazo galaico debuxado polos azares do exilio, no que Santiago Casares Quiroga toma café con Albert Camus e Gérard Philippe, no que María Casares compara en clave de humor as memorias de Manuel Azaña cos dramas de Paul Claudel, no que a primavera parisiense trae arrecendos de Montrove" (María Lopo)
Nova da publicación en Galicia Hoxe

Etiquetas: , ,

30.1.17

Residente Privilexiada

                            
Título:         Residente Privilexiada
Autor:          María Casares
Lugar ed.:   Oleiros
Editorial:      Editorial Trifolium
Ano ed.:       2009  
Páxs.:          491




A obra, traducida directamente do francés por Ana Belén Martínez Delgado, lingua na que foi editada orixinariamente no ano 1980, é un dos testemuños máis completos acerca do exilio –primeiro forzoso, despois voluntario- dunha muller que conseguiu triunfar lonxe do seu país, até convertirse en actriz universal, primeira figura da Comedia Francesa e do Teatro Nacional Popular francés.
María Casares non necesita ser presentada: poucas actrices acadaron a súa merecida celebridade. No seu caso, ademáis, dase a circunstancia de que levou a cabo íntegramente a súa carreira no seo dun mundo cultural –o francés- que non era o seu, un mundo no que ela era, segundo as súas propias palabras, unha residente privilexiada.
Pero María Casares non foi únicamente unha actriz impresionante: foi tamén unha estraordinaria escritora capaz de comunicarnos até os máis íntimos recunchos da súa complexa personalidade, e de tantas outras, igualmente ricas, que acompañaron a súa apaixoada existencia: actores como Gerard Philippe, Jean Louis Barrault e Jean Vilar; escritores como Claudel e Genet; persoeiros do cine como Clouzot e Jean Servais. E, sobre todo, o inesquencibel Albert Camus, con quen viviu longos anos de íntima relación.
María Casares, convertida en espectadora de si mesma e do mundo, pon en escea en Residente privilexiada un axuste de contas, un regreso sincero e inmaculado aos seus orixes, á escena familiar, a súa paixón polo teatro, aos amigos, ao excilio, aos encontros e desencontros coa súa propia identidade…
[Presentación editorial]   

Etiquetas: ,

29.11.16

O tempo das mareas. María Casares e Galicia

                         
Título:        O tempo das mareas. María Casares e Galicia
Autor:         María Lopo
Lugar ed.:   Santiago de Compostela
Editorial:     Consello da Cultura Galega
Ano ed.:      2016
Páxs.:          217




María Victoria Casares Pérez naceu fronte ao mar da Coruña en 1922. As guerras e os exilios conducírona a Francia, onde se converteu en Maria Casarès, unha das grandes actrices europeas do século XX. O tempo das mareas percorre a súa vida dende unha óptica galaica, achegando datos e materiais inéditos sobre a infancia coruñesa, a adolescencia madrileña, a xuventude exiliada e a madurez plena dunha das personalidades culturais máis interesantes e descoñecidas da Galicia contemporánea.
Recuperar a Galicia de María Casares, reintegrar a súa memoria á nosa é a proposta destas páxinas, porque a súa Galicia forma parte da historia que nos foi negada, e porque a actriz sempre levou con orgullo e dignidade o seu ser de muller galega. María Casares fixo vivir Galicia na creación artística francesa, modificando as súas linguaxes teatrais en clave galaica e deixando a súa traza oceánica no universo mediterráneo de Albert Camus. Descubrindo a Galicia de María Casares, a súa liberdade, comprendéndoa, quizais poidamos facer un pouco máis libre a nosa.

Etiquetas: , , ,