Título:
Xograres dun tempo novo
Autor: Pepe Carballude; ilustrado por Beatriz García Trillo
Lugar ed.: A Coruña
Editorial: Everest
Ano ed.: 2009
Páxs. 160
Xograres dun
tempo novo é unha historia de amor tráxico. Francisca Porta, unha muller
recluída nunha residencia da terceira idade, diante do autorretrato de
Agustín Llaneza, o compañeiro paseado durante a guerra civil, lembra as
súas andainas coas Misións Pedagóxicas.Neste labor encomiable para
tentar paliar as diferenzas de oportunidades culturais existentes desde
sempre entre o rural e o urbano, entre a aldea e a cidade, participaron
algunhas das figuras máis sobranceiras das nosas letras e artes como
Rafael Dieste ou Urbano Lugrís. Francisca Porta rememora este pasado
vivencial que tamén lle axuda a levar mellor as feridas magoantes da
vida.Novela de actualidade que ten un dobre obxectivo: facer xustiza coa
memoria e descubrirlles ós mozos anacos esquecidos da nosa historia.
A obra
Xograres dun tempo novo, que podemos incluir no que se chama
narración histórica, pois refírese ás Misións Pedagóxicas que levaron a
cultura por vilas e aldeas de toda España. Neste caso a acción
transcorre en Galicia, na Costa da Morte.
Aínda que se trata dunha obra de ficción hai algúns personaxes
con nomes que corresponden a persoas reais, como Rafael Dieste, Carmen
Muñoz, Lorenzo Varela, Urbano Lugrís e outros. Fun amigo dos tres
primeiros e con eles teño falado en Buenos Aires daquelas xeiras
populares de teatro, monicreques, música, lecturas comentadas, artes
plásticas, nas que participaron activamente.
As Misións en Galicia aparecen por primeira vez na literatura
galega con esta novela de Carballude, cando estamos rememorando feitos
da nosa historia contemporánea, que ó longo de moitos anos foron
deliberadamente esquecidos.
A acción ten como fío argumental unha historia de amor entre
Francisca e Agustín, activistas republicanos. Ela, mestra en Buño
(Malpica) e o seu home pintor vocacional, que foi
paseado coma
tantos naqueles días tráxicos de 1936. Francisca áchase nunha residencia
de anciáns e evoca os anos da xuventude diante dun autorretrato do
compañeiro asasinado. Unha fermosa, documentada e ben contada historia
como acai a un veterano narrador que sen estridencia, laboriosamente, na
lingua popular e á vez culta, que lle vén da súa terra estradense de
Rubín, ó tempo que exerce como profesor de latín e tradutor de obras
clásicas, deu a coñecer novelas como
O talismán dos druídas, Investigación 091, Romaxe de desventuras, A historia do home can, O santo dos croques se fai peregrino, e outros títulos, nunha prosa depurada, enxebre, con doses axeitadas de humor e retranca.
Etiquetas: narración histórica, xuvenil