29.11.16

Xograres dun tempo novo

                          
Título:        Xograres dun tempo novo
Autor:         Pepe Carballude; ilustrado por Beatriz García Trillo
Lugar ed.:   A Coruña
Editorial:     Everest
Ano ed.:      2009
Páxs.           160
 

Xograres dun tempo novo é unha historia de amor tráxico. Francisca Porta, unha muller recluída nunha residencia da terceira idade, diante do autorretrato de Agustín Llaneza, o compañeiro paseado durante a guerra civil, lembra as súas andainas coas Misións Pedagóxicas.Neste labor encomiable para tentar paliar as diferenzas de oportunidades culturais existentes desde sempre entre o rural e o urbano, entre a aldea e a cidade, participaron algunhas das figuras máis sobranceiras das nosas letras e artes como Rafael Dieste ou Urbano Lugrís. Francisca Porta rememora este pasado vivencial que tamén lle axuda a levar mellor as feridas magoantes da vida.Novela de actualidade que ten un dobre obxectivo: facer xustiza coa memoria e descubrirlles ós mozos anacos esquecidos da nosa historia.

A obra Xograres dun tempo novo, que podemos incluir no que se chama narración histórica, pois refírese ás Misións Pedagóxicas que levaron a cultura por vilas e aldeas de toda España. Neste caso a acción transcorre en Galicia, na Costa da Morte.
Aínda que se trata dunha obra de ficción hai algúns personaxes con nomes que corresponden a persoas reais, como Rafael Dieste, Carmen Muñoz, Lorenzo Varela, Urbano Lugrís e outros. Fun amigo dos tres primeiros e con eles teño falado en Buenos Aires daquelas xeiras populares de teatro, monicreques, música, lecturas comentadas, artes plásticas, nas que participaron activamente.
As Misións en Galicia aparecen por primeira vez na literatura galega con esta novela de Carballude, cando estamos rememorando feitos da nosa historia contemporánea, que ó longo de moitos anos foron deliberadamente esquecidos.
A acción ten como fío argumental unha historia de amor entre Francisca e Agustín, activistas republicanos. Ela, mestra en Buño (Malpica) e o seu home pintor vocacional, que foi paseado coma tantos naqueles días tráxicos de 1936. Francisca áchase nunha residencia de anciáns e evoca os anos da xuventude diante dun autorretrato do compañeiro asasinado. Unha fermosa, documentada e ben contada historia como acai a un veterano narrador que sen estridencia, laboriosamente, na lingua popular e á vez culta, que lle vén da súa terra estradense de Rubín, ó tempo que exerce como profesor de latín e tradutor de obras clásicas, deu a coñecer novelas como O talismán dos druídas, Investigación 091, Romaxe de desventuras, A historia do home can, O santo dos croques se fai peregrino, e outros títulos, nunha prosa depurada, enxebre, con doses axeitadas de humor e retranca.

Etiquetas: ,

0 comentarios:

Publicar un comentario

Subscribirse a Publicar comentarios [Atom]

<< Inicio