29.11.16

Ofrenda á tormenta

                           
Título:        Ofrenda á tormenta
Autor:         Dolores Redondo
Lugar ed.:   Vigo
Editorial:     Xerais
Ano ed.:      2014
Páxs.:          592 




Na derradeira e contundente novela da triloxía de Dolores Redondo ambientada no Val do Baztán, topamos de novo coa inspectora Amaia Salazar, da Policía Foral de Navarra, un dos personaxes máis singulares da novela negra publicada nos últimos anos. Outra volta cunha trama trepidante e estremecedora, a novela non deixa en ningún momento de causar sorpresa nos lectores e lectoras. A trama comeza cando unha muller atopa sospeitosa a morte súbita da súa neta, aínda un bebé de berce, dado o estraño comportamento do pai da nena, detido cando intentaba roubar o cadáver. Na trama entra tamén en xogo, da man da avoa, unha criatura máxica arraigada no val, chamada inguma, un ser maléfico que é quen de durmir persoas ás que lles arrebata a vida. A ese feito engádese a circunstancia de que o bebé mostra unhas marcas avermelladas no rostro que son indicio de sucesos irregulares. Pero tamén o asasino aparece morto na súa cela da cadea, logo dun coma inducido por unha droga. A inspectora Amaia Salazar e o seu equipo descobren as circunstancias irregulares dalgúns crimes parecidos que se produciron no pasado no propio val e a trama acelérase cara a unha resolución sorprendente para a que a inspectora debe enfrontarse á verdadeira orixe dos sucesos que marcaron tan decididamente o Val do Baztán.

Etiquetas: , ,

Legado nos ósos

                             
Título:        Legado nos ósos
Autor:         Dolores Redondo. Tradución de Ramón Nicolás
Lugar ed.:   Vigo
Editorial:     Xerais
Ano ed.:      2013
Páxs.:          560



Logo do rotundo éxito de «O gardián invisible», Dolores Redondo ofrécenos agora o segundo volume da súa triloxía ambientada no val do Baztán e protagonizada pola inspectora Amaia Salazar, da Policía Foral de Navarra. O xuízo contra o padrasto da moza Johana Márquez está a piques de comezar. A el asiste unha embarazada Amaia Salazar, que un ano atrás resolvera os crimes do chamado «basajaun», que sementaron de terror o val do Baztán. Amaia tamén reunira as probas inculpatorias contra Jasón Medina, que imitando o modus operandi do «basajaun» asasinou, violou e mutilou a Johana, a filla adolescente da súa muller. De súpeto, o xuíz anuncia que o xuízo debe cancelarse: o acusado acaba de suicidarse nos baños do xulgado. Ante a expectación e o enfado que a noticia provoca entre os asistentes, Amaia é reclamada pola policía: o acusado deixou unha nota suicida dirixida á inspectora, unha nota que contén unha inquietante mensaxe: «Tarttalo». Cunha soa palabra destaparase unha trama sobrecolledora que envolve a inspectora até un trepidante e emotivo final.

Etiquetas: , ,

O gardián invisible

                          
Título:        O gardián invisible
Autor:         Dolores Redondo
Lugar ed.:   Vigo
Editorial:     Xerais
Ano ed.:      2015
Páxs:           456



Dolores Redondo Meira, unha autora navarra de ascendencia galega, constrúe en O gardián invisible, a súa segunda novela, un thriller orixinalísimo onde se mestura a investigación policial e científica co suspense e coa mitoloxía das lendas navarras. A inspectora Amaia Salazar, da Policía Foral, investiga o asasinato dunha adolescente que aparece morta e coas roupas esgazadas no medio dunha mesta fraga. O asasino colocou os zapatos da vítima como sinatura da súa identidade e a investigación acaba por conducir a inspectora a Elizondo, a súa vila natal, onde se ve obrigada a se enfrontar ao seu pasado. Unha novela vibrante, que deixa sen alento a quen a le. O gardián invisible de Dolores Redondo, editada en trece linguas: francés, alemán, inglés, turco, castelán, italiano, catalán, portugués do Brasil, noruegués, holandés, euskera, grego e galego, lánzase a nivel mundial neste mes de xaneiro de 2013. Están xa vendidos os dereitos cinematográficos a Nadcon Films para unha película que vai ser dirixida por Peter Nadermann.

Etiquetas: , ,