15.5.17

O pouso do fume


Título:      O pouso do fume
Autora:     Dores Tembrás
Lugar ed.: Culleredo (A Coruña)
Editorial:   Espiral Maior
Ano ed.:    2009
Páxs.:        73   


"[...]A rotunda insubmisión perante a perda que manifesta Dores Tembrás n`O pouso do fume sitúaa no ronsel das grandes voces que reivindicaron o legado da memoria só que, no seu caso, existe un traballo previo de descodificación e tradución dos complexos signos trazados polo pouso para determinar o seu valor real. Certamente se nada desparece mentres o seu recordo permaneza no substrato sensitivo de alguén, non por iso se pode extrapolar de todo o que se lembra unha mensaxe con valor universal. Do mesmo xeito, a arqueóloga cataloga as pezas que recolle nunha excavación segundo a súa relevancia, discernindo cales conteñen datos imprescindibles e cales son secundarias para reconstruír o pasado. Eis un dos grandes retos que a autora enfrontou para escribir este libro: lograr que nos sobrecolla o desamparo da nena que agarda baixo a chuvia o paso do coche real, a partida do avó a Cuba ou a agresión da couza sobre a casa pechada, cando a nena é un ser anónimo na nosa biografía, descoñecemos a filiación dese avó e a casa nunca nos pertenceu. Ou mesmo facer que os anacos de louza, a botella do doutor Pinard, as pequenas puntadas do ganduxo que desaparecerán ao estar a costura completa, a minúscula cicatriz que fixo o pelouro, o alento suave das mimosas..., en definitiva, o máis insignificante, deixe un pouso imborrable sobre nós, os lectores. Se Dores Tembrás sae triunfante deste reto é porque, negándose a seguir a propensión maioritaria de clausurar baixo unha cicatriz de silencio as traxedias con que a vida nos proba, decide romper o mutismo e cauterizar esas feridas cunha marca de fogo e de palabras [...]"[Fragmento do prólogo Tatuaxes de Fume por Teresa Seara]

Etiquetas: ,

0 comentarios:

Publicar un comentario

Subscribirse a Publicar comentarios [Atom]

<< Inicio