29.11.16

O viaxeiro radical


Título:        O viaxeiro radical
Autor:         Xerado Quintiá
Lugar ed.:   Vigo
Editorial:     Galaxia
Ano ed.:      2015              
Páxs.:          220      

Publícase O viaxeiro radical, unha novela de Xerardo Quintiá na que este poeta e narrador conta a historia dun home extraordinario que, encirrado pola busca do inalcanzable, decide vivir á marxe de calquera  convencionalismo ou imposición, en permanente conflito consigo mesmo e coa sociedade. Unha obra de ficción que volve poñer de actualidade os logros artísticos da primeira literatura moderna -da Nova Heloísa de Rousseau ao Wilhelm Meister de Goethe- e os achados do pensamento idealista do século XIX.
 O viaxeiro radical é unha novela baseada na figura de Manfred Gnädinger, artista alemán que en 1962 chegou á vila de Camelle despois  dunha longa viaxe cruzando boa parte de Europa. Nese momento comeza a  historia dun home extraordinario que, encirrado por un pulo de liberdade, decidiu vivir á marxe de calquera convencionalismo ou imposición, en permanente conflito cos que o rodeaban. Un artista ceibe e solitario, marxinal por convencemento e necesidade, que transformou a súa propia existencia coa finalidade de que Vida e Arte se fundisen ata formar un todo indisoluble.
 A novela indaga nos aspectos que, en determinados momentos da vida do protagonista, o empurraron a tomar decisións controvertidas, e pretende achegarse á cerna do personaxe para comprender a razón da súa  radicalidade existencial. Ao mesmo tempo, a ficción leva a quen le a facer unha reflexión sobre aspectos fundamentais que determinan a existencia, tales como o amor, a amizade e a busca do sentido da vida.  

Etiquetas: ,

0 comentarios:

Publicar un comentario

Subscribirse a Publicar comentarios [Atom]

<< Inicio